21/03/2012
Os alumnos de 1º de Grao en Deseño Gráfico, dentro da materia Tecnoloxía impartida pola profesora Natalia Crecente, e coa inestimable colaboración de Antonio, o impresor e xerente da Imprenta Creacións Gráficas JJ, puideron coñecer e experimentar co proceso de impresión con tipos móbiles. Foron coñecedores de primeira man da arte de compoñer e imprimir con tipos de chumbo.
Durante tres horas convertéronse en aprendices de tipógrafo, co componedor nas súas mans, as instrucións de Antonio e os tipos móbiles, compuxeron o seu nome, frases célebres de Paul Rand e confeccionaron unha orla co nome da nosa Escola, Ramón Falcón.
Coa composición tipográfica realizada preparamos a rama, co molde e a imposición, para poder imprimilo na Minerva. A Minerva é unha máquina de impresión totalmente manual, con rolos tomadores encargados da tinta, un tímpano onde repousa o papel e os seus topes de suxeición. Con todo listo empezamos coa marcaxe, a tirada das copias.
Paciencia, tesón e moito divertimento foron os tres ingredientes básicos deste obradoiro explicativo da tradición imprimida. Moitas grazas Antonio.